Natureza
Trátase da ría máis pequena de Galicia!
Situada na parroquia de Lires, consegue crear un límite natural entre o concello de Cee e o concello de Muxía. Forma parte da Rede Natura 2000 e está considerada Lugar de Interese Comunitario polo seu enorme valor ecolóxico, especialmente ornitolóxico, xa que é un lugar de paso de numerosas aves mariñas.Está formada pola desembocadura do río Castro e é coñecida polas súas espectaculares postas de sol.Ademais, é un lugar de paso obrigado na Ruta Xacobea no tramo de Fisterra a Muxía.
Esta praia urbana, situada no núcleo da Vila de Cee, recibe o seu nome pola súa forma.Ten unha lonxitude duns 185 metros e unha anchura de 35 metros. Está rodeada de zonas axardinadas e conta cun fantástico paseo marítimo, ideal para camiñar ou andar en bicicleta, xa que dispón de carril-bici.A un paso desta praia, o visitante ten á súa disposición os numerosos servizos que a Vila de Cee ofrece.
A praia de Gures, na parroquia de A Ameixenda, é un arenal de dimensións modestas, que destaca polo seu ambiente tranquilo e unha beleza virxe, sendo un lugar ideal para quen busca alonxarse das multitudes e gozar da serenidade da Costa da Morte.
A praia está formada por unha mestura de area fina e augas cristalinas que convidan ao baño, especialmente nos meses de verán.
Debido á súa situación privilexiada na ría de Corcubión, as augas de Gures adoitan ser máis calmadas que noutras zonas máis expostas ao Atlántico, o que a converte nun lugar adecuado para nadar ou gozar de deportes acuáticos lixeiros como o kayak ou o paddle surf.
O entorno que rodea a praia de Gures é igualmente impresionante. Ao sur, eríxese o mítico Monte Pindo, coñecido como o "Olimpo Celta", unha montaña cargada de lendas e rica en biodiversidade. A combinación do paisaxe montañoso coa costa crea unha estampa única, onde o azul do mar contrasta co verde dos piñeirais e o granito rosado do Pindo. Ao fondo, vense as Illas Lobeiras e o Cabo Fisterra.
Gures é tamén un excelente punto de partida para explorar as rutas de sendeirismo próximas, que permiten descubrir outros recunchos de gran interese natural e cultural na zona. Os visitantes poden gozar de paseos pola costa, avistar fauna mariña e impregnarse da paz que transmite este lugar.
Aquí, a natureza é a protagonista e ofrece aos que o visitan a posibilidade de gozar dun recuncho pouco masificado e xenúino, ideal para relaxarse ou simplemente contemplar a beleza da costa ceense no seu estado máis puro.
O seu acceso consiste nun pequeno descenso de montaña de dificultade baixa-media e cunha duración de uns 3 minutos aproximadamente. Xusto antes de comezar este camiño, hai unha área de aparcamento.
Con 100 metros de longo e 20 metros de ancho, a Praia de Caneliñas, situada na parroquia de A Ameixenda, é un deses recunchos agochados que sorprenden tanto pola súa beleza como pola súa historia, ofrecendo unha experiencia de cala máis íntima e conectada coa autenticidade da zona.
O entorno mariñeiro que rodea a praia está composto por colinas cheas de vexetación autóctona que se unen coas calmadas augas da Ría de Cee-Corcubión.
Desde Caneliñas, é posible contemplar algúns puntos de interese da comarca, como o impoñente Monte Pindo, o Cabo Fisterra ou as Illas Lobeiras.
No que respecta á súa historia, esta cala foi testemuña da última factoría de procesamento de baleas en pechar as súas portas en Europa. Esta factoría, coñecida como "Factoría Ballenera de Caneliñas", cesou as súas actividades na década de 1980, poñendo fin a unha era de caza e aproveitamento industrial de cetáceos nas costas galegas.
Actualmente, aínda se poden ver as ruínas da factoría e das plantas desalinizadoras.
Situada na parroquia de A Ameixenda, preto do Castelo do Príncipe, é unha praia de area branca e con algúns seixos.
Ten unha lonxitude de 70 metros e un bo acceso, cun espazo para aparcar preto. Accédese por unhas escaleiras e ten unha fonte de auga nas proximidades.
A praia de Estorde, na parroquia de Toba, atópase entre os límites dos concellos de Corcubión e Fisterra.
A praia é de area fina e branca, e ten uns 350 metros de lonxitude aproximadamente e unha anchura de 30 metros. O seu contorno é semiurbano e as súas augas considéranse tranquilas.
Dispón de accesos sinalizados, así como servizos de salvamento mariño (socorristas). Ademais, tamén conta con duchas, aseos, camping, restaurantes e aparcamentos.
Un dos fenómenos máis máxicos que ocorre na Praia de Estorde é o coñecido "mar de ardora". Este fenómeno natural, tamén chamado ardentía, dase durante as noites cálidas e tranquilas, cando a auga do mar se ilumina con destellos brillantes azul turquesa debido á presenza de microorganismos mariños bioluminiscentes. Estes pequenos organismos emiten luz cando son axitados polo movemento da auga, creando un espectáculo visual fascinante.
O mar de ardora en Estorde é especialmente impresionante debido a que se combina cun enclave ideal para o avistamento do ceo nocturno.
Esta praia, situada na Ría de Lires (a máis pequena de Galicia), forma parte da Rede Natura 2000 polo seu valor ecolóxico, especialmente ornitolóxico, posto que é o escenario de paso de numerosas aves mariñas.
Trátase dun recuncho pequeno e tranquilo que cambia de aspecto segundo as mareas. Nel pódese apreciar un dos atardeceres máis fermosos da Costa da Morte. Isto débese ao aspecto rural do paisaxe que envolven o lugar.
Lires é unha aldea afastada da imaxe de grandes construcións e bulicio constante. Máis ben, é a localización perfecta para que o tempo se deteña e a paisaxe invada os pensamentos de quen a visita.
Pódese acceder a ela en coche ou a pé. No caso de escoller a primeira opción, interesará saber que a zona conta con aparcamentos.
Situadas na parroquia de Lires, son dous arenais resgardados de area fina duns 190 metros de lonxitude. Durante moito tempo foron escollidos por algúns bañistas pola boa calidade das súas augas, ademais da privacidade que ofrecían debido ao seu difícil acceso.
Nunha furna de Area Grande está enterrado un náufrago que apareceu nas rochas e que nunca chegou a ser identificado.
O Monte da Armada é un punto de gran relevancia na ruta Xacobea. Isto débese a que é a primeira ubicación desde a cal os peregrinos que fan o tramo de Santiago a Fisterra poden ver o mar.
Nel, atópase o Cruceiro da Armada.
Ao pé deste monte, tras unha masa forestal con mestura de eucaliptos, pinos, carballos e castañeiros, aséntase a Vila de Cee.
Situado ao longo dos lugares de Gures e Ameixenda, atópase o Monte de Banle. Trátase dunha paisaxe practicamente virxe, cunha ampla extensión protexida pola Rede Natura.
Este escenario é cuna de multitude de mananciais e pozos de auga que dan vida a un ecosistema que se está case extinguindo, caracterizado por unha extensa mostra de fauna e flora autóctonas. Neste territorio conviven cabalos, vacas e corzos, entre outros animais. Así mesmo, é sobrevolado por alondras e águilas.
Ademais, o recente descubrimento de xacementos rupestres atopados no seu seo converteu a Banle nunha localización clave para a investigación das antigas civilizacións que habitaron o lugar.
A Furna de Gures é unha fascinante cova mariña situada na parte sur da Praia de Gures. A palabra "furna" fai referencia a cavidades ou grutas formadas pola erosión do mar, e a Furna de Gures é un dos exemplos máis impresionantes desta rexión.
Esta cova formouse ao longo de séculos, debido ao impacto constante das ondas contra a costa, o que foi esculpindo a roca ata crear unha abertura que conecta o interior da terra co mar.
Durante a preamar, as ondas enchen a cova, creando un espectáculo de son e movemento mentres a auga choca contra as paredes rochosas, xerando ecos e brumas mariñas que intensifican a súa atmosfera misteriosa.
Durante a baixamar, é posible adentrarse na furna, explorar as súas cavidades e observar de preto as texturas e formacións rochosas que o tempo foi moldeando. É importante saber que para isto é necesario coñecer as mareas e ir con cautela.
A Furna de Gures é tamén un lugar envolto en lendas e mitos locais. Segundo algunhas historias, dicíase que no seu interior habitaban seres sobrenaturais. Aínda que estes relatos pertencen ao folclore galego, a sensación de misterio e a natureza indómita da furna fan dela un lugar cargado de simbolismo e maxia para os que a coñecen.
O río Castro ten as súas fontes no monte Escaleira. Nos seus primeiros tramos, o río percorre o Val de Vimianzo, e na localidade de Calo recibe o arroio Fragoso. Tras percorrer 30 km, o Castro desemboca na ría de Lires. Esta desembocadura está protexida baixo a normativa europea, ao ter sido designada como Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) dentro da Rede Natura 2000 (Clave ES1110005).
Ademais, foi declarada Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA, Clave ES0000176) e Zona de Especial Protección dos Valores Naturais, conforme á Lei galega 9/2001 de Conservación da Natureza.
O río Miñóns percorre a parroquia de Brens. É un afluente de gran beleza natural que se entrelaza a través de paisaxes rurais, formando parte do rico entorno hídrico da Costa da Morte.
O seu curso atravesa zonas de bosque autóctono galego, fluíndo por un entorno salvaxe e sereno á vez.
Un dos maiores atractivos do río Miñóns é un salto de auga que fascinou a locais e visitantes por xeracións. Esta cascada, coñecida simplemente como o "Descenso do Bruño", caeu creando pozas e ofrecendo un espectáculo visual de gran beleza, especialmente durante as épocas de choivas, que atrae a aqueles que gozan de actividades como o barranquismo.
Non só representa un recuncho de valor paisaxístico, senón que tamén é un emplazamento testemuña do carácter rural e natural da comarca de Cee, sendo unha xoia agochada de Galicia que merece ser descuberta.
Os Acantilados de Canosa, situados na parroquia de Lires, son un dos enclaves máis sorprendentes e, quizáis, descoñecidos da Costa da Morte. Érguense abruptamente sobre o Atlántico e ofrecen unha paisaxe espectacular onde a forza do mar e a roca se combinan para crear un entorno salvaxe e dramático, característico deste xeodestino costeiro.
Cunha altura considerable e caídas case verticais cara ao mar, os acantilados presentan unha xeoloxía fascinante, marcada por formacións rochosas que foron esculpidas durante séculos pola erosión mariña e os fortes ventos que azoutan esta costa.
Esta escena idílica está protagonizada por unha pequena cascada coñecida como a "Mixirica" ou "Mexoeira", situada xusto na punta que recibe o mesmo nome.
Miradoiros
Desde o Miradoiro de Gures, os visitantes poden gozar dunha vista do impoñente Monte Pindo, coñecido como o "Olimpo Celta" pola súa importancia mitolóxica na tradición galega. O contraste entre as augas azuis do Atlántico e as colinas verdes que rodean a costa crea unha postal única, especialmente durante o atardecer, cando o sol se reflexa na auga e tenxe o paisaxe de tons dourados e avermellados.
Este lugar é ideal para aqueles que buscan un momento de paz e contemplación, xa que o lugar está invadido por un ambiente calmo e afastado do bulicio urbano. O silencio só se ve interrompido polo son do vento e das ondas rompendo suavemente na costa, creando unha atmosfera de conexión profunda coa natureza.
É posible que esta tranquilidade sexa amenizada por algún grupo de golfiños que acostuman honrar cunha visita a algúns afortunados.
O Miradoiro de Gures non só é un punto de observación para gozar do entorno costeiro, senón tamén un excelente lugar para iniciar rutas de sendeirismo que percorren a zona. Desde aquí, os aventureiros poden explorar os arredores do monte e a costa, descubrindo outras xoias naturais como a Peneda ou as praias cercanas, como a de Gures ou Caneliñas.
Este miradoiro, situado na parroquia da Ameixenda, goza dunha altitude que permite apreciar a paisaxe autóctona na súa máxima expresión.
A combinación da vexetación verde que caracteriza a rexión co azul profundo do mar crea unha escena de gran contraste e colorido, especialmente en días despexados, cando a luz do sol resalta aínda máis a beleza do entorno.
O Miradoiro de San Pedro Mártir, ubicado na parroquia de Pereiriña, é un lugar de excepcional beleza natural que ofrece unhas vistas impresionantes. Desde este punto elevado, pódese contemplar a maxestuosidade da inmensidade do océano Atlántico.
Este miradoiro non só é unha parada ideal para os amantes da fotografía e da natureza, senón que tamén ten un valor cultural e espiritual. A figura de San Pedro Mártir, que dá nome ao lugar, é venerada na zona e a vista panorámica que ofrece o mirador é un espazo de reflexión e calma. O entorno está rodeado de frondosos bosques e dunha variada flora, o que o converte nun lugar perfecto para gozar dunha camiñada ou simplemente relaxarse no medio da natureza.
O acceso ao mirador é fácil e está sinalizado, o que o fai accesible para todos os visitantes.
Patrimonio Civil
O 2 de outubro de 1886, Don Dionisio Barreda, catedrático da Universidade de Valladolid e primeiro Director do Colexio-Instituto da Fundación, pronunciaría as palabras que daban inicio ao primeiro curso académico.
O recinto acolle tamén un magnífico xardín botánico e un monumento inaugurado o 13 de outubro de 1973 en honra ao filántropo ceense que fixo da nosa vila un lugar próspero no que vivir, desenvolverse e educarse.
Con só 13 anos, decide abandonar a cidade e emigrar a Cuba. Alí, comeza a traballar nun ultramarinos, pero anos despois emprende un negocio de ferretería. Abre varias tendas ao longo da illa e consegue facer fortuna.
Dous días antes de falecer, o 3 de abril de 1875, redacta o seu testamento. Nel, fai saber que está solteiro e que non ten fillos. Igualmente, expresa o seu desexo de empregar a súa fortuna (valorada en 750.000 pesos de ouro) na construción e posterior mantemento dun Colexio de Educación Primaria e Secundaria na que era a súa vila natal: Cee. Deste xeito, nace o Instituto e a Fundación Fernando Blanco de Lema. Constará tamén no documento legal a súa vontade de levantar o edificio na súa antiga vivenda. A pesar diso, os fideicomisarios atopan tantos impedimentos pola escaseza de solo que deciden erixir o Instituto aos pés da Armada. Non obstante, conseguen anexionar territorios limítrofes ao solar da casa natal do filántropo ceense para construír, nos anos 1887 e 1888, unha pequena escola na que estudarían os rapaces ata os 7 anos e as nenas ata os 14. Este centro recibiría daquela o nome de «Escola das Nenas», designación empregada aínda hoxe pola poboación local. No ano 2001, o edificio pasa a albergar o Museo da Fundación de Fernando Blanco de Lema. Case a totalidade das dúas plantas destínanse a unha exposición fixa de patrimonio histórico-científico formado polo instrumental empregado nas antigas cátedras, laboratorio e gabinetes do vello Instituto-Escola de Cee.
A súa data de construción aproximada é 1910. Trátase dunha casa de catro plantas, na planta baixa actualmente hai un local comercial. Na primeira planta, conta con balcóns de tella granítica con varanda de ferro forxado, mentres que nas plantas segunda e terceira presenta galerías. Destacan os azulexos con motivos florais que decoran a fachada. Está situada moi cerca da Igrexa de Santa María da Xunqueira.
Debe o seu nome aos antigos propietarios, tamén coñecida como Casa dos Concheiros. Neste edificio viviu de neno José Manuel Otero Lastres, quen tamén ten unha praza co seu nome na vila. José Manuel foi xurista, escritor, membro do Tribunal de Contas e directivo do Real Madrid.
Sita na Praza da Constitución, está datada no 1880. A planta é rectangular e ten tres niveis.
A fachada divídese en catro bandas. A cantería está a vista, con molduras que resaltan os marcos dos vanos. Na planta baixa hai unha farmacia, no primeiro piso hai un balcón central sobre tella granítica con varanda. Na planta superior hai unha galería de madeira. A ambos lados dos pisos hai dúas galerías, os panos dos muros están recebados e pintados de branco, deixando a pedra a vista na liña imposta e nas esquinas.
A cuberta é a dúas augas, cuberta con pedra do país.
Nos baixos desta casa atópase unha antiga farmacia, ben conservada e en funcionamento. Contan con uns botes de cerámica coñecidos como albarelos, semellantes aos que conserva o Instituto Fernando Blanco, cos que os boticarios do Colexio facían as medicinas. Como curiosidade, cómpre destacar que onde hoxe está a farmacia estivo situada a oficina da Empresa de Transportes Guillén, onde se vendían os billetes. Tamén houbo un negocio relacionado coa sal.
É un exemplo da arquitectura de galerías cun corpo baixo con tres vanos, que se traduce no primeiro andar en balcóns e nunha galería de madeira no último piso. Ten planta rectangular, sendo a fachada lateral máis longa que a principal. A disposición é en tres niveis ademais dun corpo cuberto no ático configurando unha terraza con varanda de ferro forxado que é de construción posterior. A entrada é polo vano central a través dun arco de medio punto rebaixado, o mesmo que nos laterais e nos ocos dos balcóns do piso superior, están sobre tella granítica con varanda de forxa. A galería está feita de madeira dividida en tres tramos. A fachada lateral conecta cun xardín privado pechado por un enreixado de ferro con dúas columnas que están coroadas por floreiros.
O lateral que dá a unha rúa estreita é máis sobrio, sobresae unha galería no último piso. As outras fachadas fan medianeira con construcións posteriores. A pedra está a vista, sen ornamentación, excepto unha moldura a modo de parachoivas sobre as fiestras no primeiro andar.
Casa datada en 1890, similar a outras casas de galerías da Praza da Constitución.
Conta cunha cúpula na parte superior. A familia Michinel estivo relacionada co Colexio; Mariano Michinel Oto foi un dos administradores. Un fillo seu herdou o cargo de contable e a súa filla foi bibliotecaria.
No ano 2022, a súa fachada foi remodelada, conservando o seu aspecto tradicional.
Albergou a Escola de Música Municipal ata o seu traslado á Casa da Cultura e antigamente funcionou como Casa do Concello. Nesta casa tamén estiveron as cocheira da empresa de transportes de Argimiro Guillén Cereijo, constituída nos anos vinte.
A cuberta está trazada a tres augas con teas do país. A disposición dos espazos responde a criterios funcionais, sen un ritmo definido.
Na cornixa podemos ver varias gárgolas, o lintel da porta do primeiro piso ten tallada unha figura antropomorfa, tamén ten unha cheminea e un escudo que reflicte os liñaxes que estiveron vinculados ao palacio: Leis, Bermúdez de Castro, Pardiñas, Rioboo e Castro.
Patrimonio Etnográfico
Orixinalmente, estes muíños foron utilizados para moer grans, principalmente millo e trigo, que eran esenciais para a alimentación da poboación local. A súa situación estratéxica xunto ao río permitiu o aproveitamento da enerxía hidráulica para facer viable este proceso.
Estes muíños non só eran instalacións produtivas, senón que tamén eran puntos de encontro social para a comunidade, onde os habitantes compartían noticias e experiencias mentres agardaban a que o seu gran fose moído.
Ao longo do século XX, coa industrialización e os cambios nas prácticas agrícolas, moitos destes muíños foron abandonados. Non obstante, o seu valor histórico e cultural foi recoñecido, o que levou a diversas iniciativas para a súa conservación e restauración.
Na actualidade, os Muíños de San Adrián de Toba foron obxecto de esforzos de restauración que buscan preservar a súa estrutura e a súa historia.
Ademais, acondicionouse a zona cun paseo de pedra, aparcamentos, mesas e bancos.
Estes lugares ofrecen aos visitantes a oportunidade de coñecer a importancia da moenda na vida cotiá da rexión e o papel que estes muíños xogaron na economía local.
En Galicia, os muíños de auga eran elementos fundamentais para a subsistencia das comunidades rurais, xa que a moenda de cereais, como o trigo e o millo, era esencial para a produción de fariña, un dos principais alimentos da poboación. Os muíños hidráulicos utilizaban a forza da auga para mover as rodas de pedra que trituraban o gran.
Os Muíños de Morancelle aproveitaban as augas do río Castro, un río de curso rápido que ofrecía a enerxía hidráulica necesaria para a moenda. Como no caso de Toba, estes muíños non só eran centros de produción agrícola, senón tamén puntos de encontro social, onde os veciños das aldeas máis próximas acudían a moer os seus grans e compartir noticias e vivencias.
En Galicia, esta convivencia arredor dos muíños formaba parte da identidade cultural e do tecido comunitario.
Os Muíños de Morancelle están construídos con materiais locais, principalmente pedra de granito, que é característico da arquitectura tradicional da rexión. Teñen planta rectangular e teitos de tella ou lousa. O seu deseño baséase na simplicidade funcional, cun espazo destinado a albergar a maquinaria do muíño, que inclúe a roda hidráulica, os engrenaxes e as pedras de moer.
Cada muíño aproveitaba o desnivel do terreo e o fluxo da auga para poñer en marcha o seu mecanismo. Polo xeral, a roda de auga estaba situada na parte baixa, onde a auga canalizada do río impulsaba as ás, transmitindo o movemento ás moas de pedra que trituraban o gran. A maquinaria interior, aínda que básica, era eficiente e cumpría a súa función durante xeracións.
O entorno natural que rodea aos Muíños de Morancelle é outro dos seus grandes atractivos. Situados nunha área de gran beleza paisaxística, co río Castro e os seus arredores boscosos, estes muíños intégranse en rutas de sendeirismo que permiten aos visitantes gozar tanto do patrimonio histórico como do entorno natural.
O Muíño de Fadibón, ao igual que outros muíños da rexión, é máis que unha simple construción funcional. Representa unha forma de vida que definiu ás comunidades rurais de Galicia durante séculos. Os muíños non só foron esenciais para a produción de alimentos, senón que tamén formaron parte da cultura e as tradicións locais, sendo lugares de reunión e convivencia.
O Muíño de A Ameixenda presenta a arquitectura típica dos muíños de auga da rexión. Construído principalmente con pedra de granito, a súa estrutura é robusta e sinxela, adaptada ao terreo e á funcionalidade da actividade muiñeira.
A roda de auga do Muíño de A Ameixenda estaba situada estratexicamente nun canal que dirixía o fluxo da auga cara ás palas da roda. O movemento xerado transmitíase ás pedras de moer, onde o gran era triturado.
O entorno que rodea ao Muíño de A Ameixenda é un dos seus maiores atractivos. Como moitos muíños de Galicia, atópase nunha área rica en vexetación autóctona, con ríos e regatos que percorren o paisaxe e crean un ecosistema fértil. Os paisaxes fluviais da zona están compostos por bosques caducifolios, con especies como carballos, castiñeiros e sauces que aportan unha atmosfera idílica ao muíño.
O Cruceiro da Magdalena, situado na Praza de Fonte Penín na vila de Cee, é unha destacada mostra do patrimonio relixioso e cultural da rexión.
Os cruceiros son estruturas de pedra típicas do paisaxe rural e urbano galego, que combinan elementos da fe cristiá coa tradición popular.
Estes monumentos relixiosos teñen as súas raíces nas tradicións medievais, cando a Igrexa Católica promoveu a instalación de cruces e cruceiros en camiños, encrucilladas e prazas, como símbolos de protección espiritual para os viaxeiros e as comunidades.
Este cruceiro, en particular, ten por plataforma unha fonte con dous canos para a saída da auga pola parte do reverso da cruz e por encima da fonte unha pilastra de pedestal, cadrangular con remate moldeado e paramentos recadrados. O varal é circular e contén dúas imaxes, a de Santa Catarina e outra que está rota, faltándolle a cabeza e os pés. O capitel é cilíndrico con astrágalo circular e liso. Contén volutas, follas de bordos lobulados e querubíns. O ábaco é de lados rectos. A súa cruz é circular rematando en flores. Pola anverso da cruz preséntase Cristo Crucificado con tres cravos e as mans abertas. Inclina a cabeza cara á dereita cunha coroa de espiñas e un pergamiño coas siglas INRI. O seu pano de pureza queda atado á dereita. Pola parte do reverso da cruz está a Inmaculada, coroada, con as mans xuntas e coa lúa aos seus pés sobre unha peaña dun anxo con ás.
O Cruceiro do Cemiterio de Cee, situado no camposanto da vila, é un destacado monumento relixioso que forma parte do rico patrimonio cultural e espiritual da localidade.
Na tradición cristiá, a cruz é un símbolo de salvación e vida eterna. No contexto dun cemiterio, adquire unha maior relevancia, xa que representa a esperanza na resurrección e na vida despois da morte, consolando aos vivos mentres rendían homenaxe aos seus seres queridos.O cruceiro tamén marca un espazo sagrado dentro do cemiterio, actuando como un punto focal nas cerimonias relixiosas, especialmente durante o Día de Todos os Santos e outras festividades dedicadas á memoria dos defuntos. Os cruceiros, ao estar orientados cara ao ceo, simbolizan a elevación das almas, guiando espiritualmente aos falecidos no seu tránsito cara ao reino celestial.
O que fai a este cruceiro particularmente notable é a súa base. Esta posúe unha inscrición romana, o que vincula este monumento relixioso coa antiga historia da península. Este tipo de vestixio arqueolóxico converte o Cruceiro da Armada nunha peza clave non só para o patrimonio relixioso, senón tamén para o arqueolóxico e cultural de Galicia.
Este cruceiro é un dos moitos exemplos que salpican os camiños e prazas do concello ceense, formando parte do vasto patrimonio que combina relixión, arte e tradicións populares. Aínda que é menos coñecido que outros cruceiros da zona, o de Bermún é un símbolo da devoción e fe das comunidades rurais, así como unha mostra do arte popular local.
Na súa cruz presenta unha figura de Cristo crucificado no anverso, un símbolo que representa o sacrificio de Cristo e a redención dos pecados.
O cruceiro está feito de granito. Este material non só proporciona unha durabilidade excepcional fronte ao clima galego, senón que tamén representa unha conexión coa natureza do lugar, xa que é un material extraído localmente.
O cruceiro elévase sobre unha base de granito robusto.
A columna do cruceiro é un fuste liso, de forma cilíndrica e tamén feito de granito. A súa sobriedade é típica dos cruceiros rurais e das pequenas localidades como Cee, onde primaba a funcionalidade e a simboloxía relixiosa sobre a ornamentación. Non obstante, esta sinxeleza non resta beleza nin solemnidade ao monumento.
O seu emprazamento reforza o carácter espiritual do lugar, creando unha continuidade entre o espazo sagrado do templo e o exterior. Nalgúns casos, estes cruceiros tamén marcaban o lugar onde se levaban a cabo bendicións ou rituais relixiosos antes ou despois das cerimonias eucarísticas.
O cruceiro está vinculado ás festividades locais, como as celebracións en honra á Virxe da Xunqueira, patroa de Cee.
A presenza do cruceiro xunto a esta capela reforza o carácter devocional do lugar e convértese nun punto importante de peregrinaxe local.
Por se fose pouco o simbolismo deste cruceiro, xunto a el atópase unha fonte milagrosa que cura os dolores e malezas de quen repousa nas súas augas.
Este emprazamento é a primeira toma de contacto que os peregrinos que dirixen os seus pasos cara a Fisterra teñen con Cee.
Presenta o deseño clásico destas construcións, que inclúe unha plataforma elevada sobre piares, o que axuda a protexer o seu contido da humidade do chan e das pragas. Esta elevación é unha característica fundamental dos hórreos, que os distingue doutros tipos de almacéns.
É tamén un atractivo turístico que ofrece aos visitantes a oportunidade de coñecer unha parte esencial da cultura galega. A súa localización nun paisaxe natural contribúe á súa beleza e atractivo, sendo un punto de interese para aqueles que aprecian a historia e a arquitectura tradicional.
En primeiro lugar, destaca o feito de que ambas fachadas non teñen a mesma medida; a sur mide 20,3 metros, e a norte, 20,60 metros, cun ancho de 1,60 metros.
Ademais, tendo en conta a lonxitude mencionada, podemos afirmar que estamos a falar dun dos hórreos máis grandes da zona, situándose no posto 41 no mundo e no 35 en Galicia.
Este sitio está asociado a unha serie de lendas e tradicións populares, o que o converte nun atractivo tanto para os investigadores como para os visitantes.
A situación da cova, nun paisaxe rural e montañoso, contribúe ao seu atractivo e misterio.
A cova está rodeada de lendas que lle outorgan un carácter místico. O seu nome, que se traduce como "Cova dos Mouros", suxire unha conexión con historias sobre os mouros que habitaron a península ibérica. Segundo algunhas lendas, di-se que a cova foi un escondite de tesouros ou un refuxio da poboación local en tempos bélicos. Estas historias perduraron na tradición oral da rexión e engaden un valor cultural ao lugar.
Patrimonio Relixioso
En honra dela, érguese a Igrexa de Santa María de Cee. A data exacta da súa construción descoñécese. As primeiras referencias documentais atopadas datan do século XV, pero as características estilísticas da súa capela maior reflicten que a súa orixe podería remontarse á segunda metade do século XIV.
Durante a Guerra da Independencia Española, a igrexa foi incendiada polas tropas napoleónicas os días 13 e 21 de abril de 1809. Das lapas non se salvou practicamente nada, agás parte da capela maior e un palio do século XVII.
Entre todos os bens que se perderon no incendio, destacan os dous retablos creados polo recoñecido arquitecto ceense Domingo Antonio de Andrade para a igrexa da súa vila natal, unha perda irreparable para o patrimonio local.
Nos séculos XIX e XX, procedeuse a levantar, no mesmo emprazamento da antiga igrexa, o edificio que hoxe coñecemos como o Santuario da Nosa Señora da Xunqueira, un lugar que rende homenaxe a esta figura mariana e que se converteu no centro espiritual e cultural de Cee.
A igrexa presenta unha planta rectangular cunha nave principal e un presbiterio adosado ao muro leste. A capela maior, de grandes dimensións e planta rectangular, está cuberta cunha bóveda de canón reforzada por arco faixón. A nave central, tras a súa restauración, conta cunha cuberta sustentada por cimbra de madeira. No ano 1957, as reformas transformaron a estrutura nunha igrexa de tres naves, ao derrubar os muros primitivos e ampliar a capacidade do templo con dúas naves laterais. Sobre o muro sur érguese a torre das campás, composta por dous corpos: o inferior está formado por catro arcos de medio punto sobre piares, mentres que o superior ten forma piramidal.
O máis destacable desta igrexa é que garda un pequeno relicario de prata cun fragmento óseo que as lendas e tradicións locais atribúen a unha parte do corpo do Apóstolo Santiago, concretamente ao dedo maimiño. Sen dúbida, trátase dunha singularidade única, xa que as reliquias do Apóstolo, agás casos puntuais, sempre foron celosamente gardadas en Compostela cun marcado afán de exclusividade.
A Capela de Gures, situada na localidade de Gures, na parroquia de A Ameixenda, é un pequeno pero significativo templo cunha rica tradición vinculada á fe. A súa arquitectura sinxela, de planta rectangular, reflicte as características propias das capelas rurais galegas, cunha construción modesta que harmoniza co entorno natural que a rodea.
De estilo tradicional, a capela conta cunha fachada austera, coroada por unha pequena espadana que alberga unha campá, elemento común neste tipo de edificacións relixiosas. No seu interior, o espazo é recollido, cun altar presidido por imaxes de santos locais, entre os que destaca Nosa Señora dos Dores, á que está dedicada a capela.
O edificio presenta unha planta de cruz latina cunha nave principal, reflectindo un estilo tradicional das igrexas rurais galegas, aínda que con detalles que denotan influencias de distintos momentos históricos.
A súa fachada segue un patrón pentagonal con grandes sillares de granito e mostra claras influencias das grandes construcións compostelás. A torre, de estilo ecléctico, do século XIX, coroa esta fachada.
O retablo maior é neoclásico e presenta un expositor coa imaxe do santo. As capelas da nave do cruceiro, no lado sur, están dedicadas ao Santo Cristo, e a do norte a San Antonio. Posúe dous retablos barrocos idénticos que corresponden á interpretación que fixo un mestre local dos grandes retablos composteláns.
A capela, de construción sinxela, atópase nun entorno natural e tranquilo, rodeada por árbores e natureza. O seu estilo arquitectónico é o característico das capelas rurais galegas, cunha planta rectangular e unha fachada modesta coroada por unha espadana que sostén unha pequena campá.
Un dos elementos máis significativos deste enclave é a súa fonte milagreira, situada preto da capela. Segundo a tradición popular, a auga desta fonte ten propiedades curativas, especialmente para as enfermidades relacionadas coa pel e os ollos. Os peregrinos e devotos que acoden á capela adoitan beber desta fonte ou utilizar a súa auga para lavarse, coa esperanza de recibir a graza divina a través dos seus supostos poderes curativos. A crenza na milagrosidade desta fonte perdurou durante xeracións, converténdoa nun lugar de especial relevancia na relixiosidade local.
Como curiosidade, cómpre mencionar que este lugar supón o primeiro contacto que os peregrinos que parten de Santiago de Compostela para chegar ao fin do mundo teñen co concello de Cee.
A fonte milagreira de San Pedro Mártir, situada nas proximidades da capela homónima na parroquia de Pereiriña, é un lugar cargado de historia e devoción popular. Esta fonte foi venerada durante séculos polos habitantes da rexión e por numerosos peregrinos que chegan atraídos polas propiedades curativas que se lle atribúen ás súas augas.
Segundo a tradición local, a auga da fonte ten poderes milagreiros, especialmente para sanar enfermidades da pel. Xeracións de devotos acudiron a ela con fe, buscando alivio para as súas doenzas. É común ver aos fieis lavándose coa súa auga, coa crenza de que obterán a graza divina e unha cura para os seus padecementos.
Neste sentido, a fonte non é só un lugar físico, senón tamén un símbolo da espiritualidade e da esperanza dos fieis.
Ademais da súa importancia local, a fonte milagreira ten unha especial relevancia para os peregrinos que, tras completar o Camiño de Santiago, continúan a súa viaxe cara á Costa da Morte. Moitos destes peregrinos realizan unha parada na capela de San Pedro Mártir e a súa fonte, buscando un momento de recollemento e renovación espiritual tras o longo percorrido.
No seu interior, a igrexa acolle un retablo maior de estilo barroco, que preside o altar principal. Neste retablo atópase a imaxe de San Adrián, o santo ao que está dedicada a igrexa. San Adrián é unha figura de gran devoción para os veciños da parroquia, e a súa festividade constitúe un dos eventos máis relevantes do calendario relixioso local.
Xunto á igrexa, destaca un hórreo de 15 metros de longo e 13 pares de pés, coñecido como o Canastro de Caamaño. Esta estrutura tradicional galega, utilizada para almacenar cereais e protexelos da humidade e das pragas, é un testemuño do valor do patrimonio etnográfico da zona.
Estruturalmente, a igrexa consta dunha capela maior rectangular, cuberta por unha bóveda de canón de cantería, e un corpo basilical dividido en tres naves, resultado dunha ampliación realizada no ano 1956.
No seu interior, sobresae o retablo maior, no que se aprecian elementos decorativos como placas e estípites, asociados aos recoñecidos artistas composteláns Simón Rodríguez e Casas e Novoa. No nicho central do panel principal, preside a escena a imaxe de Santa Eulalia (Santa Baia), que porta unha coroa de prata, a palma do martirio e un libro. Esta escultura constitúe un dos maiores fitos do Barroco conservados no concello de Cee.
Construída no século XVIII, trátase dun templo de pequenas dimensións que presenta unha planta basilical, cunha única nave e unha capela maior cuberta con bóveda de canón.
A igrexa actual foi erixida para substituír a anterior, que se atopaba edificada preto da ría de Lires e corría o risco de inundación durante as mareas vivas, o que motivou o traslado a unha localización máis segura.