Entre o 2 de agosto de 1880 e o 6 de maio de 1884, baixo a vontade do xa falecido Fernando Blanco de Lema, érguese ao pé do Monte da Armada o edificio que cambiaría o porvir da vila de Cee: o Colexio-Instituto Fernando Blanco de Lema.
O 2 de outubro de 1886, Don Dionisio Barreda, catedrático da Universidade de Valladolid e primeiro Director do Colexio-Instituto da Fundación, pronunciaría as palabras que daban inicio ao primeiro curso académico.
O recinto acolle tamén un magnífico xardín botánico e un monumento inaugurado o 13 de outubro de 1973 en honra ao filántropo ceense que fixo da nosa vila un lugar próspero no que vivir, desenvolverse e educarse.


Fernando Blanco de Lema naceu o 18 de outubro de 1796 en Cee. Antes de cumprir o primeiro ano de vida, o seu pai falece e é criado polo seu primo e padriño Fernando Blanco Giance, cura de San Xoán de Mazaricos. Este titor será asasinado no 1809, durante a Guerra de Independencia Española, polas tropas napoleónicas. A raíz deste suceso, a súa nai decide envialo xunto aos seus dous irmáns varóns a Ferrol.
Con só 13 anos, decide abandonar a cidade e emigrar a Cuba. Alí, comeza a traballar nun ultramarinos, pero anos despois emprende un negocio de ferretería. Abre varias tendas ao longo da illa e consegue facer fortuna.
Dous días antes de falecer, o 3 de abril de 1875, redacta o seu testamento. Nel, fai saber que está solteiro e que non ten fillos. Igualmente, expresa o seu desexo de empregar a súa fortuna (valorada en 750.000 pesos de ouro) na construción e posterior mantemento dun Colexio de Educación Primaria e Secundaria na que era a súa vila natal: Cee. Deste xeito, nace o Instituto e a Fundación Fernando Blanco de Lema. Constará tamén no documento legal a súa vontade de levantar o edificio na súa antiga vivenda. A pesar diso, os fideicomisarios atopan tantos impedimentos pola escaseza de solo que deciden erixir o Instituto aos pés da Armada. Non obstante, conseguen anexionar territorios limítrofes ao solar da casa natal do filántropo ceense para construír, nos anos 1887 e 1888, unha pequena escola na que estudarían os rapaces ata os 7 anos e as nenas ata os 14. Este centro recibiría daquela o nome de «Escola das Nenas», designación empregada aínda hoxe pola poboación local. No ano 2001, o edificio pasa a albergar o Museo da Fundación de Fernando Blanco de Lema. Case a totalidade das dúas plantas destínanse a unha exposición fixa de patrimonio histórico-científico formado polo instrumental empregado nas antigas cátedras, laboratorio e gabinetes do vello Instituto-Escola de Cee.as cátedras, laboratorio y gabinetes del viejo Instituto-Escuela de Cee.

Contan as lendas máis antigas que, nun día de treboada, un barco estranxeiro atopou refuxio na costa de Cee. Cando viron que as nubes se disipaban e o tempo amainaba, os mariñeiros dispuxéronse a emprender a viaxe de volta. Para a súa sorpresa, sentiron como unha forza externa os obrigaba a permanecer no lugar. Ao ver que os seus esforzos non daban resultado, decidiron adentrarse en terra firme. Foi ao poñer un pé no que hoxe é Cee, cando atoparon entre uns xuncos unha imaxe da Virxe co neno nos brazos. A partir dese día, esa Virxe pasaría a ser coñecida como a Virxe da Xunqueira ou «A Aparecida».
En honra dela, érguese a Igrexa de Santa María de Cee. A data exacta da súa construción descoñécese. As primeiras referencias documentais atopadas datan do século XV, pero as características estilísticas da súa capela maior reflicten que a súa orixe podería remontarse á segunda metade do século XIV.
Durante a Guerra da Independencia Española, a igrexa foi incendiada polas tropas napoleónicas os días 13 e 21 de abril de 1809. Das lapas non se salvou practicamente nada, agás parte da capela maior e un palio do século XVII.
Entre todos os bens que se perderon no incendio, destacan os dous retablos creados polo recoñecido arquitecto ceense Domingo Antonio de Andrade para a igrexa da súa vila natal, unha perda irreparable para o patrimonio local.
Nos séculos XIX e XX, procedeuse a levantar, no mesmo emprazamento da antiga igrexa, o edificio que hoxe coñecemos como o Santuario da Nosa Señora da Xunqueira, un lugar que rende homenaxe a esta figura mariana e que se converteu no centro espiritual e cultural de Cee.

O Monte da Armada é un punto de gran relevancia na ruta Xacobea. Isto débese a que é a primeira ubicación desde a cal os peregrinos que fan o tramo de Santiago a Fisterra poden ver o mar.

Nel, atópase o Cruceiro da Armada.

Ao pé deste monte, tras unha masa forestal con mestura de eucaliptos, pinos, carballos e castañeiros, aséntase a Vila de Cee.

Situado no alto do Monte da Armada, marca o punto exacto desde o que os peregrinos procedentes de Santiago de Compostela avistan o mar e o Cabo Fisterra por primeira vez desde que parten da capital galega.
O que fai a este cruceiro particularmente notable é a súa base. Esta posúe unha inscrición romana, o que vincula este monumento relixioso coa antiga historia da península. Este tipo de vestixio arqueolóxico converte o Cruceiro da Armada nunha peza clave non só para o patrimonio relixioso, senón tamén para o arqueolóxico e cultural de Galicia.

O Cruceiro da Igrexa de Cee está situado nas inmediacións do Santuario de Nosa Señora da Xunqueira.
O cruceiro elévase sobre unha base de granito robusto.
A columna do cruceiro é un fuste liso, de forma cilíndrica e tamén feito de granito. A súa sobriedade é típica dos cruceiros rurais e das pequenas localidades como Cee, onde primaba a funcionalidade e a simboloxía relixiosa sobre a ornamentación. Non obstante, esta sinxeleza non resta beleza nin solemnidade ao monumento.
O seu emprazamento reforza o carácter espiritual do lugar, creando unha continuidade entre o espazo sagrado do templo e o exterior. Nalgúns casos, estes cruceiros tamén marcaban o lugar onde se levaban a cabo bendicións ou rituais relixiosos antes ou despois das cerimonias eucarísticas.
O cruceiro está vinculado ás festividades locais, como as celebracións en honra á Virxe da Xunqueira, patroa de Cee.

O Cruceiro da Magdalena, situado na Praza de Fonte Penín na vila de Cee, é unha destacada mostra do patrimonio relixioso e cultural da rexión.

Os cruceiros son estruturas de pedra típicas do paisaxe rural e urbano galego, que combinan elementos da fe cristiá coa tradición popular.
Estes monumentos relixiosos teñen as súas raíces nas tradicións medievais, cando a Igrexa Católica promoveu a instalación de cruces e cruceiros en camiños, encrucilladas e prazas, como símbolos de protección espiritual para os viaxeiros e as comunidades.

Este cruceiro, en particular, ten por plataforma unha fonte con dous canos para a saída da auga pola parte do reverso da cruz e por encima da fonte unha pilastra de pedestal, cadrangular con remate moldeado e paramentos recadrados. O varal é circular e contén dúas imaxes, a de Santa Catarina e outra que está rota, faltándolle a cabeza e os pés. O capitel é cilíndrico con astrágalo circular e liso. Contén volutas, follas de bordos lobulados e querubíns. O ábaco é de lados rectos. A súa cruz é circular rematando en flores. Pola anverso da cruz preséntase Cristo Crucificado con tres cravos e as mans abertas. Inclina a cabeza cara á dereita cunha coroa de espiñas e un pergamiño coas siglas INRI. O seu pano de pureza queda atado á dereita. Pola parte do reverso da cruz está a Inmaculada, coroada, con as mans xuntas e coa lúa aos seus pés sobre unha peaña dun anxo con ás.

O Cruceiro do Cemiterio de Cee, situado no camposanto da vila, é un destacado monumento relixioso que forma parte do rico patrimonio cultural e espiritual da localidade.

Na tradición cristiá, a cruz é un símbolo de salvación e vida eterna. No contexto dun cemiterio, adquire unha maior relevancia, xa que representa a esperanza na resurrección e na vida despois da morte, consolando aos vivos mentres rendían homenaxe aos seus seres queridos.
O cruceiro tamén marca un espazo sagrado dentro do cemiterio, actuando como un punto focal nas cerimonias relixiosas, especialmente durante o Día de Todos os Santos e outras festividades dedicadas á memoria dos defuntos. Os cruceiros, ao estar orientados cara ao ceo, simbolizan a elevación das almas, guiando espiritualmente aos falecidos no seu tránsito cara ao reino celestial.

A súa data de construción aproximada é 1910. Trátase dunha casa de catro plantas, na planta baixa actualmente hai un local comercial. Na primeira planta, conta con balcóns de tella granítica con varanda de ferro forxado, mentres que nas plantas segunda e terceira presenta galerías. Destacan os azulexos con motivos florais que decoran a fachada. Está situada moi cerca da Igrexa de Santa María da Xunqueira.
Debe o seu nome aos antigos propietarios, tamén coñecida como Casa dos Concheiros. Neste edificio viviu de neno José Manuel Otero Lastres, quen tamén ten unha praza co seu nome na vila. José Manuel foi xurista, escritor, membro do Tribunal de Contas e directivo do Real Madrid.
Sita na Praza da Constitución, está datada no 1880. A planta é rectangular e ten tres niveis.
A fachada divídese en catro bandas. A cantería está a vista, con molduras que resaltan os marcos dos vanos. Na planta baixa hai unha farmacia, no primeiro piso hai un balcón central sobre tella granítica con varanda. Na planta superior hai unha galería de madeira. A ambos lados dos pisos hai dúas galerías, os panos dos muros están recebados e pintados de branco, deixando a pedra a vista na liña imposta e nas esquinas.
A cuberta é a dúas augas, cuberta con pedra do país.
Nos baixos desta casa atópase unha antiga farmacia, ben conservada e en funcionamento. Contan con uns botes de cerámica coñecidos como albarelos, semellantes aos que conserva o Instituto Fernando Blanco, cos que os boticarios do Colexio facían as medicinas. Como curiosidade, cómpre destacar que onde hoxe está a farmacia estivo situada a oficina da Empresa de Transportes Guillén, onde se vendían os billetes. Tamén houbo un negocio relacionado coa sal.

Situada na Praza da Constitución, nun lugar onde conviven construcións modernas con outras dos séculos XVIII e XIX. Pertence ao século XIX. Nel viviu Francisco Mayán, historiador e político ao que Cee dedicou a súa biblioteca. Foi pioneiro na investigación histórica deste concello.
É un exemplo da arquitectura de galerías cun corpo baixo con tres vanos, que se traduce no primeiro andar en balcóns e nunha galería de madeira no último piso. Ten planta rectangular, sendo a fachada lateral máis longa que a principal. A disposición é en tres niveis ademais dun corpo cuberto no ático configurando unha terraza con varanda de ferro forxado que é de construción posterior. A entrada é polo vano central a través dun arco de medio punto rebaixado, o mesmo que nos laterais e nos ocos dos balcóns do piso superior, están sobre tella granítica con varanda de forxa. A galería está feita de madeira dividida en tres tramos. A fachada lateral conecta cun xardín privado pechado por un enreixado de ferro con dúas columnas que están coroadas por floreiros.


Situada na Praza da Constitución, pertence ao século XVIII e o seu uso é residencial. Trátase dunha construción sobria. A planta é cadrada, cunha disposición en tres niveis e cuberta de fibrocemento a catro augas. Os ocos da fachada principal dispóñense nun ritmo vertical tanto polas tres bandas de vanos como polas fiestras alongadas de madeira, que compensan o macizo do volume. A fachada principal está ocupada por un balcón de ferro forxado, sustentado por canzorros de pedra. No baixo hai un local comercial, e no muro hai tres vanos de arco de medio punto rebaixado.
O lateral que dá a unha rúa estreita é máis sobrio, sobresae unha galería no último piso. As outras fachadas fan medianeira con construcións posteriores. A pedra está a vista, sen ornamentación, excepto unha moldura a modo de parachoivas sobre as fiestras no primeiro andar.

Casa datada en 1890, similar a outras casas de galerías da Praza da Constitución.

Conta cunha cúpula na parte superior. A familia Michinel estivo relacionada co Colexio; Mariano Michinel Oto foi un dos administradores. Un fillo seu herdou o cargo de contable e a súa filla foi bibliotecaria.

No ano 2022, a súa fachada foi remodelada, conservando o seu aspecto tradicional.

Situada na Praza da Constitución e datada no ano 1933. Ten tres niveis, configurándose unha terraza na última planta. Os diferentes pisos teñen personalidade propia e son independentes uns dos outros. A primeira planta sobresae sobre o baixo a través de canzorros de formigón moldeados que, xunto coas pilastras, marcan as bandas nas que se divide a fachada. Nas ventás da primeira planta hai unha composición de azulexos pintados con motivos diversos.
Albergou a Escola de Música Municipal ata o seu traslado á Casa da Cultura e antigamente funcionou como Casa do Concello. Nesta casa tamén estiveron as cocheira da empresa de transportes de Argimiro Guillén Cereijo, constituída nos anos vinte

Situado na Praza de Fonte Penín, data do século XVIII e é de estilo barroco. Presenta un aspecto singular entre campesiño e urbano. A planta é practicamente cadrada, cunha mordida no edificio contiguo co que comparte medianeira. O acceso ao edificio realízase desde unha escaleira cunha balaustrada. Ten dous balcóns, un na fachada principal sustentado por piares de pedra e outro no lateral. Esta parte do edificio emprega granito no muro en pezas de cantería irregular, mentres que o resto está construído en cantería, quedando en ambos casos á vista. Os balcóns, xunto coa balaustrada, están inspirados no barroco compostelán.
A cuberta está trazada a tres augas con teas do país. A disposición dos espazos responde a criterios funcionais, sen un ritmo definido.
Na cornixa podemos ver varias gárgolas, o lintel da porta do primeiro piso ten tallada unha figura antropomorfa, tamén ten unha cheminea e un escudo que reflicte os liñaxes que estiveron vinculados ao palacio: Leis, Bermúdez de Castro, Pardiñas, Rioboo e Castro.

A Alameda de Cee, situada no corazón da vila, é un encantador paseo rodeado de árbores e negocios locais. Este espazo, ideal para pasear e relaxarse, é tamén o epicentro da vida social e cultural, con feiras e eventos que reflicten o espírito ceense.

A Praza da Muller 8 de Marzo, situada no corazón da localidade de Cee, é un espazo público de gran valor simbólico e social. O seu nome rende homenaxe ao Día Internacional da Muller, unha data clave na loita polos dereitos e a igualdade de xénero.
Este lugar converteuse nun punto de encontro para os veciños e visitantes de Cee, destacándose non só pola súa céntrica localización, senón tamén polo seu deseño accesible e aberto.
A praza é escenario habitual de actividades comunitarias, culturais e reivindicativas, ofrecendo un espazo idóneo para a realización de eventos ao aire libre, feiras e concentracións. Co seu mobiliario urbano, zonas axardinadas e espazos de descanso, a Praza 8 de Marzo invita á convivencia e ao esparexemento.

Rodeada de edificios tradicionais e modernos, esta praza é un punto de encontro para os habitantes e un lugar de descanso para os visitantes.
Con a súa ampla área peonil e a súa coidada estética, a praza invita a gozar dun momento tranquilo, xa sexa nos seus bancos á sombra ou nunha das cafeterías próximas. A miúdo, convértese no escenario de actividades culturais e eventos locais, reflectindo o carácter dinámico e acolledor de Cee.

A Casa da Cultura de Cee é o epicentro da vida cultural e artística da localidade, un espazo dedicado á promoción do coñecemento, a arte e a tradición. Este edificio moderno e funcional alberga unha variada oferta de actividades que inclúen exposicións, obradoiros, conferencias e espectáculos, converténdose nun punto de encontro para todas as idades.
No seu interior, destaca unha completa biblioteca que fomenta o hábito da lectura entre veciños e visitantes, ademais de zonas habilitadas para o estudo e a investigación. A Casa da Cultura tamén conta cun auditorio onde se desenvolven obras teatrais, concertos e outros eventos culturais que enriquecen a vida comunitaria de Cee.
Este espazo, máis que un edificio, é un símbolo do compromiso da localidade coa educación e o acceso á cultura, invitando a todos a gozar e participar activamente nas súas múltiples propostas.

Este percorrido, que bordea a ría de Cee-Corcubión, combina vistas espectaculares do Atlántico cun ambiente relaxado, ideal para pasear, practicar deporte ou simplemente contemplar a natureza.
Flanqueado por bancos e zonas verdes, o paseo invita a determe e apreciar a beleza do entorno, especialmente ao mediar o día, cando a luz transforma o paisaxe nunha estampa inesquecible. Ao longo do camiño, pequenos embarcadoiros e áreas de descanso permiten conectar coa esencia mariñeira da rexión.
Ademais, a súa proximidade a bares, restaurantes e comercios locais convérteo nun lugar perfecto para completar a experiencia coa gastronomía e hospitalidade de Cee.

Esta praia urbana, situada no núcleo da Vila de Cee, recibe o seu nome pola súa forma.Ten unha lonxitude duns 185 metros e unha anchura de 35 metros. Está rodeada de zonas axardinadas e conta cun fantástico paseo marítimo, ideal para camiñar ou andar en bicicleta, xa que dispón de carril-bici.A un paso desta praia, o visitante ten á súa disposición os numerosos servizos que a Vila de Cee ofrece.